O CMD aproba o expediente para contratar a remodelación do acceso e as pistas exteriores dos Remedios
O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense aprobou na súa sesión deste mediodía o expediente para contratar as obras recollidas no proxecto de reordenación do acceso e das pistas deportivas exteriores do Pavillón Municipal dos Remedios. As obras teñen como finalidade humanizar a contorna e mellorar a integración do espazo deportivo coa rúa Pardo de Cela e coa capela dos Remedios, e teñen un orzamento de licitación de 244.005,32 euros.
Así, eliminaranse os valados perimetrais que rodean na actualidade esta área deportiva, para conectala directamente coa rúa de Pardo de Cela xerando unha praza con arborado e mobiliario urbano, que lle dará tamén máis permeabilidade á zona e unha maior visibilidade ao edificio principal e á capela.
As canchas deportivas de fútbol sala, baloncesto e voleibol desprazaranse lixeiramente, afastándose un pouco máis do edificio principal, e incorporarán novo pavimento elástico. Tamén se acondicionará unha área de calistenia e se renovará a iluminación para acadar unha maior eficiencia enerxética.
As obras contribuirán á integración na contorna, unha vez rematadas as obras de reforma do pavillón executadas pola Xunta de Galicia, que a maiores dos espazos inferiores incluíu as fachadas do inmoble. Tamén perseguen eliminar a sensación de peche que se produce pola presenza do valado a uns catro metros da entrada principal e evitar aglomeracións na zona de acceso ao polideportivo e no tránsito de viandantes, corredores e ciclistas cara ao paseo fluvial do Miño